Exposicións ‘Viñetas Descubertas’ e ‘Miña Terra Galega’ Imprimir
Martes, 19 Xaneiro 2010 12:35

Ata o próximo 30 de xaneiro, a Casa do Escudo de Verín acollerá as exposicións ‘Viñetas Descubertas’ e ‘Miña Terra Galega’, organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo.

Estas mostras conforman unha escolma do mellor cómic galego dos últimos anos, xa que obtiveron unha magnífica acollida na última edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona e nas Xornadas da Banda Deseñada Galega en Ourense.

A exposición ‘Viñetas descubertas’ é unha panorámica de 32 obras realizadas por autores gañadores dos galardóns máis importantes deste últimos anos, como Mariano Casas, Juan Luis Pérez, Jano, Marcos Calo, Cosme, David Rubín -encargado da elaboración do cartel oficial de Ficomic 2009-, Jacobo Fernández, Martín Romero e Antonio Seijas.

Mentres que a mostra ‘Miña Terra Galega’ resume a visión de oito dos creadores, actualmente en activo na nosa terra, sobre os tópicos e temas relacionados con Galicia, desde a paisaxe ou o marisco ata a música ou as fantasías populares. Alberto Guitián, Diego Blanco, Kiko da Silva, José Domingo, Alberto Vázquez, Emma Ríos, Iván Suárez e Manel Cráneo son os autores representados na mostra a través de historietas de cinco páxinas creadas expresamente para o certame de Barcelona.

Ambas exposicións xa visitaron as localidades de Taboada, Ourense, Arzúa, Quiroga, Chantada, A Teixeira, Vilar de Barrio e Bóveda. En Verín, poderanse visitar de luns a sábado, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.