Concurso ‘Cigarrón de Verín’ Imprimir
Mércores, 17 Marzo 2010 13:09

O sábado 20 de marzo, a partir das 11 horas, o Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá a realización da terceira edición do concurso Cigarrón de Verín, co fin de converterse nun referente gastronómico e relanzar os produtos e viños da comarca de Monterrei.

Nesta edición os membros do xurado serán Patricia Cuevas Sarria -directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia-, Alfredo Álvarez Pérez -do restaurante Casa Alfredo de Mos-, Álvaro Bueno -enólogo de Bodegas Ladairo- e Manuel Rey Pérez -Gran Cigarrón 2009-.

No concurso, de carácter libre e destinado a alumnos/as de escolas de hostalería, profesionais da restauración ou afeccionados, o número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nunha das tres categorías existentes -prato principal, maridaxe e sobremesa-. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei.

Elaboración, degustación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán algúns dos criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes, que optarán aos premios Gran Cigarrón -na categoría de prato principal e cun valor de 600 euros, patrocinado polo Concello de Verín-, Cigarrón Doce -na de sobremesas, e cuxo valor ascende aos 300 euros, por AEVER (Asociación de Empresarios/as de Verín)- e Denominación Orixe Monterrei -ao mellor maridaxe, dotado con 400 euros, apadriñado pola D.O. Monterrei-.