Coser e Cantar na Semana do Audiovisual Galego Imprimir
Mércores, 31 Marzo 2010 09:43

A curtametraxe Coser e Cantar, dirixida por Rubén Riós e inspirada en Elena Rodríguez Barreira “A Reina do Entroido de Verín”, proxectarase na Casa da Cultura de Verín o mércores día 7 de abril, ás 20 horas, nos actos organizados con motivo da Semana do Audiovisual Galego 2010.

Coser e Cantar é a historia dunha vocación frustrada. Segundo Rubén Riós; “Elena foi unha actriz sen papel toda a súa vida. O Entroido foi o escenario que nunca tivo. Cando a coñecín, pareceume unha persoa moi interesante: gustáballe cantar e bailar, pero non lle deixaron ser artista.”

O filme estreouse a mediados do pasado ano e ten participado, entre outros, no Festival de Cine Pobre de Gíbara (Cuba) e no Festival Internacional de Cine de Ourense. Arancha Rodríguez é a protagonista da historia. O elenco de actores complétase con Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Nunci Valcárcel e o neno Dani Neira.

A curtametraxe escrita e dirixida por Rubén Riós é un drama de ficción que dura 14 minutos. Rubén Riós formouse na Escola Municipal de Teatro de Vigo. Como actor traballou en series coma Libro de familia ou Matalobos e na película Pradolongo. A súa filmografía comezou con Adeus Edrada, curtametraxe producida no ano 2006.

Alcaián, o primeiro partido completa a programación de filmes que se exhiben en Verín na Semana do Audiovisual Galego, un evento que organiza anualmente a Academia Galega do Audiovisual en colaboración con Cinemas Dixitais. O documental de Miguel Mariño, de 55 minutos, ten como protagonista o Alcaián, equipo de Terceira Rexional, que se prepara para nova temporada despois de rematar como pechacancelas na anterior.