Subvencións para a mellora dos establecementos comerciais Imprimir
Mércores, 23 Xuño 2010 11:32

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria de subvencións para a mellora da competitividade do comercio galego, a través de actuacións encamiñadas á adecuación física das instalacións e locais comerciais, a mellora da súa imaxe comercial, e medidas para potenciar a creación, implantación e expansión das cadeas sucursalistas, e do comercio retallista do téxtil, calzado e xoiarías, nos conxuntos históricos de vilas e cidades.

As actuacións subvencionables son:
- Reforma e/ou ampliación do local comercial sempre que a superficie resultante non supere os 300 m2, mellora de illamentos e equipamentos e instalacións de aforro de enerxía e auga.
- Medidas orientadas á mellora da imaxe dos establecementos comerciais, que afecten os puntos de venda, que a continuación se describen: a contratación de servizos exteriores de escaparatismo, instalación de letreiros luminosos e rótulos exteriores, adquisición de moblaxe, elementos de decoración e calquera outro tipo de equipamento comercial, con exclusión do equipamento informático.
- A creación, implantación e expansión de cadeas sucursalistas de comercio retallista, así como de establecementos comercias do téxtil, calzado e xoiarías, en locais desocupados de conxuntos históricos de poboacións que estivesen declarados e inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

As persoas beneficiarias deben ser comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 23 de xullo de 2010.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.