Voluntarios da Biblioteca Pública Municipal de Verín visitan a Embaixada de Chile e Antena 3 Imprimir
Xoves, 24 Xuño 2010 11:28

Unha ducia de voluntarios/as da Biblioteca Pública Municipal de Verín trasladaranse mañá a Madrid para visitar as instalacións de Antena 3 TV e a Embaixada de Chile.

Esta visita enmárcase dentro do premio concedido pola Fundación Antena 3 á Biblioteca Pública de Verín pola realización do Proxecto de Voluntariado Cultural e Fomento á Lectura. Unha iniciativa na que nenos/as voluntarios/as, con idades comprendidas entre os 11 e 15 anos, participan en actividades destinadas ao fomento da lectura e dinamización destas instalacións municipais, a través da realización de contacontos, manualidades e murais, e que están destinadas a nenos/as do municipio con idades entre os 3 e 8 anos.

Por outra banda, e tras a gravación por parte dos voluntarios/as desta biblioteca do  vídeo de ‘Apoio ao pobo chileno’,  tras o terremoto acontecido neste pais, a Embaixada de Chile en Madrid ofrécelles unha recepción aos/ás rapaces/zas. Na mesma o asesor cultural da embaixada, Sergio Macías Brevis, agradeceralles a esta actuación e amosaralles o traballo que se está a realizar, desde o ano 2008, na escola María Villalobos Arteaga na VI Región de Chile, con intercambio de experiencias no ámbito do fomento á lectura a través da profesora Rosa Peña Duarte.