Verín sigue apostando pola eficiencia e aforro enerxético Imprimir
Martes, 03 Agosto 2010 15:42

O Concello de Verín propúxose seguir aforrando con máis medidas de eficiencia enerxética e, por este motivo vai a realizar unha serie de auditorías enerxéticas nos seus edificios públicos, que permitirán adoptar medidas que reduzan os gastos nas facturas enerxéticas.

Unha primeira actuación consistirá no análise pormenorizado da facturación da compañía eléctrica para adecuar as tarifas e as potencias, axustándoas ás necesidades actuais de consumo.  Unha cuestión que detectará os factores que máis contribúen a este consumo, e así identificar as posibles oportunidades de aforro que se poden acometer.

Os edificios que van a ser obxecto da auditoría son: Casa do Concello, Oficina PEPRI, Casa da Xuventude, Biblioteca, Casa do Escudo, Piscina Climatizada, Pavillón de Deportes e Polideportivo A Granxa.

Este proxecto percibiu unha subvención dentro do concurso de axudas públicas convocado pola Consellería de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia para impulsar medidas de eficiencia enerxética na Comunidade.

Coa presentación desta nova medida de eficiencia enerxética, os responsables municipais dan un paso máis no seu interese por mellorar o servizo público, reducir custos nunha conxuntura económica como a actual e contribuír á diminución dos gases de efecto invernadoiro.

Por outra banda, o Concello de Verín realizará dúas actuacións enmarcadas dentro do Proxecto de centralización, xestión e redución do gasto enerxético na iluminación pública de Verín.

A primeira delas realizarase nas seguintes rúas do casco antigo de Verín: Amaro Refoxo, Mariano Carrero,  praza de Edesio Fuentes, Cruz, Pozo,  Traviesa, Viriato, Merced e praza da Merced

A zona consta de 69 puntos de luz controlados por un cadro de mando, para un total de potencia instalada de 17.028 w. Na mesma, a actuación céntrase na instalación dun sistema de aforro e xestión enerxética, consistente na instalación dun cadro de mando e control do alumeado e a instalación de reactancias electrónicas regulables.

A potencia instalada pasa a ser agora de 15.762 w. Con este sistema lógrase a redución do fluxo luminoso a partir das horas de menor utilización das vías en cada un dos puntos de luz de forma independente. O sistema é controlado dende o cadro de control, comunicado vía GSM con un ordenador situado nas dependencias municipais dende o cal é posible programar e controlar o sistema, e recibir alarmas e informes para a xestión enerxética do alumeado. Con esta actuación, os aforros conqueridos serán os seguintes: aforro enerxético de 34.365 Kwh ó ano, aforro medioambiental de 17.526 Kg de CO2 ó ano e aforro económico de 4.106 euros anuais.

A segunda actuación terá lugar no núcleo rural de Queirugás. A zona consta de 67 puntos de luz controlados por un cadro de mando, para un total de potencia instalada de 9.940 w.

Nesta zona, a actuación céntrase na instalación dun sistema de aforro e xestión enerxética, consistente na instalación dun cadro de mando e control do alumeado e a instalación de reactancias electrónicas regulables. Con este sistema conquírese a reducción do fluxo luminoso a partir das horas de menor utilización das vías en cada un dos puntos de luz de forma independente.

O sistema é controlado dende o cadro de control, comunicado vía GSM con un ordenador situado nas dependenzas municipais dende o cal é posible programar e controlar o sistema, e recibir alarmas e informes para a xestión enerxética do alumeado.

Ademais, redúcese a potencia ó pasar de lámpadas de 125w de Vapor de Mercurio por outras moito mais eficientes de Vapor de Sodio de Alta Presión de 100 w, co que conquerimos un aforro económico importante ó tempo que aumentamos as prestacións lumínicas do alumeado. A potencia instalada pasa a ser agora de 6.968 w.

Con esta actuación, os aforros conqueridos serán os seguintes: aforro enerxético de 25.567 Kwh ó ano, aforro medioambiental de 13.039 Kg de CO2 ó ano e aforro económico de 2.664 euros anuais.

Ademáis, debido ó mal estado das luminarias existentes, faise o cambio das 67 luminarias por outras novas e de maior eficiencia lumínica, o que repercute na calidade do alumeado. Para garantir o perfecto funcionamento da instalación, sustituíuse o cableado que estaba en mal estado por outro novo, sustituíndo tamén algún poste en mal estado que soportaba dito cableado.