Cantata Vernácula e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, atractivo cultural nas xornadas da V Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei Imprimir
Xoves, 05 Agosto 2010 11:30

Durante este fin de semana, e enmarcada na V edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, a praza García Barbón de Verín acollerá as actuacións das formacións Cantata Vernácula, e Cantigas e Agarimos.

O sábado 7 de agosto, a partir das 23 horas, o concerto folk-tradicional de Cantata Vernácula, organizado e copatrocinado polo Concello de Verín, insírese en Camiños de Cultura 2010, que forma parte do programa de circuítos Galicia Móvese da Consellería de Cultura e Turismo.

Cantata Vernácula é un dúo creado no ano 2009 por dous músicos cunha dilatada traxectoria no ámbito da música tradicional galega, Suso Vaamonde Manteiga e Xoán Porto “Guancho”. O dúo intenta recuperar nos seus espectáculos a participación activa do público. Cantata Vernácula ten como obxectivo que a xente cante e baile con eles, e que coñeza e experimente os instrumentos da música popular galega. Acompañan a voz con acordeón e zanfona, principalmente; aínda que tamén inclúen outros instrumentos da nosa tradición musical como son a gaita e a pandeireta.

Para que os espectadores se convirtan en protagonistas e canten con eles, recorren a temas populares cantados que posúen uns retrousos moi sinxelos. Se o público non fose galego falante, achegan as letras escritas e traducidas ao idioma maioritario dos asistentes.  Unha vez conseguido que o público cante, a segunda intención é facelos bailar. De aí o de empregar a gaita e, nalgún caso, a pandeireta. Trátase de divulgar tamén así o noso folclore: tras unhas nocións sinxelas de muiñeira e xota, o dúo interpreta algúns temas instrumentais coa única finalidade de conseguir que o público baile, ou, cando menos, acompañe as melodías. Dependendo do tipo de público asistente, Cantata Vernácula adapta o seu repertorio e o seu espectáculo. Se o público desexa cantar, incluirán máis temas cantados; se, pola contra, son máis de bailar, interpretarán máis temas instrumentais. Tratan, así, de abraguer un amplo espectro de tipos de público: desde xente da terceira idade, ate os nenos.

O domingo 8 de agosto, tamén na praza García Barbón e a partir das 22.30 horas, actuación de Cantigas e Agarimos, organizada e copatrocinada polo Concello de Verín, e enmarcada no programa Danza 3 da Consellería de Cultura e Turismo.

A Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela está composta por máis de 80 membros, distribuídos nas seccións de Baile (26 membros), Coro (45 voces mixtas), Instrumental (6 músicos) e Grupo de Pandereteiras (11 membros).

Fundada en 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño, é a máis nova das catro agrupacións históricas do folclore galego. Desde entón, Cantigas e Agarimos vén traballando arreo na recuperación, conservación e transmisión dalgunhas das formas máis entrañables da nosa cultura tradicional, como son a cantiga, a música, o baile e os traxes populares; colaborando, deste xeito, á consolidación da identidade cultural de Galicia.

A través das súas seccións: coral, gaiteiros, grupo de baile e pandeireteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore e así o acreditan os numerosos premios acadados ao longo da súa traxectoria e as referencias dos historiadores da nosa cultura. Ademais dedica un importante traballo á promoción do baile e da música popular entre os rapaces, por medio da Escola da Muiñeira, Gaita e Pandeireta, Concurso de Baile e Música, Día da Muiñeira e a publicación da revista Algalia.