‘Samhain’ na Biblioteca Pública Municipal de Verín Imprimir
Luns, 25 Outubro 2010 13:38

Con motivo da celebración do ‘Samhain’, máis coñecida pola súa versión anglo-americana do Halloween -do vocábulo All Hallow´s Eve (Noite de Todos os Santos)-, a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín realizará, nesta nova edición, as seguintes actividades:


- Obradoiro para a decoración de cabazas (28 e 29 de outubro, de 18 a 19.30 horas). Actividade consistente en adornar as cabazas con trazos humanos e cunha vela dentro, para que cando sexa situada na entrada da casa traia bos augurios a quen habite nela. Para participar nesta actividade, destinada a un máximo de cinco participantes por día -socios/as da biblioteca, empadroados/as no Concello de Verín e con idades comprendidas entre 8 e 12 anos-, é necesario inscribirse nas mesmas instalacións (os/as participantes non necesitan acudir coas cabazas de casa).

- Contacontos e manualidades relacionados co Samhain (30 de outubro, de 11.30 a 13 horas). Varios/as voluntarios/as, xunto co persoal da Biblioteca, contarán contos de medo, bruxería, meigallos e demais feitizos. Esta actividade, a que é necesario acudir disfrazado para non caer enfeitizado, está destinada a 20 socios/as da biblioteca e empadroados no Concello de Verín, que teñan entre 3 e 9 anos; e para participar na mesma deben inscribirse na Biblioteca Pública Municipal.