Ludonadal repite o seu éxito de participación na terceira edición Imprimir
Mércores, 26 Xaneiro 2011 10:37

Un total de 149 nenos/as participaron na ludoteca de ‘Ludonadal’, organizada polo Concello de Verín e a Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), destinada a incentivar o comercio local durante o Nadal.


Durante once xornadas, entre os días 23 de decembro e 7 de xaneiro -de 10 a 14 e 16 a 20 horas-, nenos con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos participaron nesta ludoteca, resultado dun convenio asinado entre AEVER e o Concello de Verín, que buscaba incentivar a promoción do comercio local, proporcionando aos/ás nenos/as un espazo de lecer durante as vacacións e facilitar a conciliación do tempo libre dos pais co coidado dos seus/súas cativos/as.

A actividade supuxo un ingreso de 11.632,31€ para o comercio de Verín. A elevada presencia de nenos/as en todas as actividades desenvolvidas na ludoteca supuxeron un gasto medio por neno de 90 euros, e unha media diaria de máis de 1.000 euros, polo que o balance é positivo para a entidade municipal, e sobre todo para o dinamismo do comercio de Verín, sendo o terceiro ano que se realiza esta actividade -xa que non existe un importe mínimo de compra  para que os pais e nais deixen aos seus fillos/as nesta ludoteca-.

Con todo, nas actuacións realizadas durante a campaña de ‘Ludonadal’, que incluíu exposicións, concertos, teatro e ciclos de contacontos contaron cunha presencia masiva de menores, ao igual que a celebración da Cabalgata de Reis e a visita do Carteiro Real, ao que asistiron máis de 400 nenos/as que participaron en obradoiros de maquillaxe infantil, globoflexia, flores o pulseiras; así como na primeira edición do Cotillón Infantil de Noitevella ao que acudiron un total de 250 nenos/as verinenses.