Convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Verín para a segunda fase do reacondicionamento do Camiño Real Imprimir
Venres, 28 Xaneiro 2011 13:59

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, a través da súa Secretaría Xeral para o Turismo, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, asinaron un convenio para efectuar a segunda fase de reacondicionamento do Camiño Real que une a localidade de Verín co castelo de Monterrei.

Esta actuación concluirá a rehabilitación deste camiño iniciada o pasado ano, coa execución da primeira fase do mesmo, e unirá o barrio de San Lázaro de Verín con esta acrópole. A remodelación, cun orzamento de 525.717,18€, se realizará na zona de A Pedreira e nas entradas do Camiño Real, “tanto desde a capela de San Lázaro como desde o cruceiro”, subliña o rexedor, e efectuarase “o levantamento do pavimento existente en cemento, instalación da rede de abastecemento e saneamento, soterramento das liñas de teléfono, alumeado e luz e colocación de granito e lastros no chan do mesmo”. “Con esta actuación quedará rehabilitado na súa totalidade este camiño cara a Monterrei, que agardamos que a xente o respecte e coide porque é un ben común e pagado por todos os contribuíntes”, indica, “xa que é importante para a promoción turística da zona e se revalorizará como parte integrante dos accesos ao castelo”. Ademais se rehabilitará o depósito situado neste camiño, “no que se realizará un miradoiro forrado de aceiro-cortén, para que descansen os camiñantes, e non descartamos no futuro realizar unha instalación relacionada co turismo dentro desta edificación de 400 metros cadrados”.

Este camiño atópase entre os concellos de Verín e Monterrei e foi construído entre os séculos XVI e XVII. Dentro do conxunto merece unha especial atención o castelo de Monterrei, un conxunto fortificado no que asentaron liñaxes de familias como os Ulloa, Zúñiga, Fonseca ou os Duques de Alba, e que foi enclave estratéxica dende a Idade Media na fronteira de Portugal.  

Unhas actuacións que, segundo indica o rexedor municipal, “amosan a importancia que se lle concede á comarca de Monterrei por parte da Xunta de Galicia, en xeral, e da Secretaría Xeral para o Turismo, en particular, xa que co plan director do Castelo de Monterrei se potenciará o turismo nesta zona e se apostará por o reequilibrio territorial no interior de Galicia”.