O proxecto URBACT “EGTC” foi oficialmente lanzado en Estrasburgo Imprimir
Mércores, 26 Novembro 2008 13:34

Con el, 6 proxectos de conurbacións fronteirizas de Europa, entre elas a Eurocidade Chaves-Verín, comezan a traballar en rede para o intercambio de experiencias e a procura de instrumentos de gobernanza. O lanzamento oficial produciuse en Estrasburgo o día 19 de novembro cunha conferencia no Parlamento Europeo, presidida por Michel Delebarre, presidente da Misión Operacional Transfronteiriza (MOT), Roland Ries, senador-alcalde de Strasbourg e vicepresidente da Comunidade Urbana e Alain Lamassoure, eurodiputado e vicepresidente da MOT.

Os seis socios presentaron os seus proxectos, entre eles, o da Eurocidade Chaves-Verín, presentación realizada polo Secretariado Técnico Conxunto.

A continuación, seguíronse as primeiras reunións de traballo entre os socios e a MOT.

Máis de 60 proxectos a niveis locais e rexionais foron identificados en Europa; a MOT, escolleu a seis deles - Francfort sur Oder-Slubice (Alemaña/Polonia), Ister-Granum (Hungría/Eslovaquia), o Eurodistrito Strasbourg-Ortenau (Francia/Alemaña), o Eurodistrito trinacional de Bâle (Suíza/Alemaña/Francia), a Eurométropole «Lille-Kortrijk-Tournai» (Francia/Bélxica) e a Eurocidade Chaves-Verín - para levar adiante o programa.

As zonas transfronteirizas representan 25 millóns de habitantes en Europa, e as expectativas sobre este proxecto son moi elevadas, pois son estas aglomeracións as que poden converterse en exemplos de converxencia e cohesión social nunha escala de proximidade, e dar un verdadeiro exemplo de cidadanía europea. O seu obxectivo final é atopar solucións aos obstáculos da vida cotiá dos habitantes dos territorios transfronteirizos, dando respostas concretas para a mellora da calidade de vida con solucións innovadoras ás súas necesidades, como os servizos públicos, o transporte, o desenvolvemento económico, a saúde, educación, o medio ambiente.

Lanzouse tamén o desafío de organizar unha conferencia interparlamentaria que reunise aos parlamentarios europeos, nacionais e rexionais para atopar solucións a eses obstáculos, principalmente para crear unha estrutura común de coordinación de políticas económicas, urbanas e sociais en zonas transfronteirizas.

A próxima reunión do proxecto desenvolverase no mes de marzo na Eurocidade Chaves-Verín, á que precederá un seminario temático en Chaves, no que se espera un número superior aos 200 asistentes.

Para a Eurocidade Chaves-Verín, o proxecto máis novo dos seis socios, ser integrado neste proceso foi verdadeiramente importante, pois por unha banda axudaralle a capitalizar boas prácticas que outros xa experimentaron, e por outro, participar na proposta final que se eleve a instancias comunitarias e aos gobernos nacionais no ano 2010.