O Banco Municipal de Roupa abre as súas portas en Verín Imprimir
Venres, 06 Marzo 2009 13:27
O alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán inaugurou esta mañá o Banco Municipal de Roupa, situado na avenida Luis Espada nº 83. Un servizo, dependente da área de Benestar Social e Servizos Sociais de Atención Primaria, destinado a prover ás persoas en situación de urxencia social de Verín dunha axuda inmediata, que palie as necesidades máis básicas, como roupa, calzado, complementos infantís, xoguetes ou libros dos máis desfavorecidos ou en situación de pobreza e marxinación.

No acto, ao que asistiron un gran número de persoas que colaboraron na realización deste proxecto -que forma parte do programa Fondo Solidario Municipal no que tamén se inclúe o Banco de Alimentos-, o rexedor agradeceu “o traballo dos voluntarios e traballadores sociais que se encargaron da recepción, lavado, reparación e clasificación da roupa, en especial de Rosa Rodríguez Atanes, a verdadeira impulsora deste proxecto. Sen esquecernos da cesión do local por parte do grupo Eroski-Center e a axuda de 7.000 euros da Obra Social La Caixa, así como, as diferentes achegas económicas e materiais realizadas polas empresas Escayolas Diefer, Soyca, La Casa del Pintor, Suministros Moncaya e Monterrei, Ferretería Alameda, Afonso-Tien 21 e numerosos veciños que fixeron posible este Banco Municipal de Roupa”. Tamén, recordou que “os destinatarios deben ser avaliados previamente polos Servizos Sociais do Concello de Verín”.