Bullying e violencia en imaxes no curso “Mediación e xestión de conflitos” de Verín Imprimir
Mércores, 10 Abril 2013 11:21

Mañá xoves, o salón de actos da Casa da Cultura de Verín acollerá, das 20 a 22 horas, o obradoiro 'Bullying, mediación e violencia en imaxes', enmarcado no curso 'Mediación e xestión de conflitos”, organizado polo Centro Asociado da UNED en Ourense e o departamento de Educación Familiar do Concello de Verín -coa colaboración do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas-.

Neste obradoiro participarán Manuel Ayán, do Cine Clube Nosferatu de Verín, Tamara Balboa, traballadora social do CDR Portas Abertas, e Javier Cid, coordinador do departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín. E no mesmo analizaranse o efecto das imaxes violentas ante os nosos ollos, a relación directa entre o que vemos e facemos, e a repercusión social das mesmas.

O curso “Mediación e xestión de conflitos”, dirixido por Tiberio Feliz Murias da Facultade de Educación UNED e coordinado en Ourense por Miguel Guerra Rodríguez, conta con máis de 100 alumnos/as procedentes de toda a xeografía galega e norte de Portugal. Os obxectivo do mesmo, con prazas limitadas por orde de inscrición, son identificar e valorar os factores que inflúen na orixe, desenvolvemento e resolución do conflito; así como coñecer e valorar estratexias, técnicas e programas para a solución do conflito.

A última xornada deste curso será o vindeiro 25 de abril, de 20 a 22 horas, co relatorio 'Educar dando o que necesitan', a cargo de José María Toro Alés, mestre de ensinanza primaria, actualmente en excedencia voluntaria e adicado a tarefas de formación de diversos colectivos, especialmente no ámbito da educación e da saúde.