Plan Renove de Fiestras Imprimir
Luns, 12 Decembro 2011 13:43

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria de bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ao Plan Renove de Fiestras, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan as devanditas axudas como anticipadas do gasto.

O obxecto é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas á rehabilitación dos ocos acristalados da fachada, tanto no referente ao acristalamento como aos marcos ou perfís, co fin de acadar melloras significativas na demanda enerxética do edificio e os conseguintes aforros en termos económicos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

Poderán ser beneficiarios as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado, propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial e terciario, comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 3 se realice en vivendas ou edificios do sector terciario sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Plan entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, 13 de decembro, e rematará o día 30 de outubro de 2012.O prazo para participar como entidades colaboradoras é de cinco días hábiles dende mañá, e a reserva de fondos se realizará a partir de 25 días hábiles tamén dende mañá (como máximo ata o 29 de marzo de 2012 ou ata que se esgote o crédito) para todos os beneficiarios.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000, ou na Oficina de Rehabilitación do casco antigo de Verín, na praza de abastos ou no 988-410597. As tramitacións realizaranse na propia entidade colaboradora.