Subvencións a clubs, sociedades e agrupacións deportivas escolares Imprimir
Venres, 23 Decembro 2011 14:29

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria de bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

As subvencións reguladas nestas bases teñen por finalidade o fomento e a promoción do deporte galego no seu ámbito deportivo-competitivo e no do deporte en idade escolar. Será obxecto deste procedemento de subvencións, financiar os gastos derivados da participación por parte das entidades e clubs en competicións de carácter oficial no ano 2011 (a nivel autonómico, nacional ou internacional). No que respecta ás agrupacións deportivas escolares, financiaranse os gastos acometidos pola participación na campaña de deporte escolar da Secretaría Xeral para o Deporte (programa Xogade).

Poderán ser beneficiarios das subvencións os clubes deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas da Secretaría Xeral para o Deporte. Non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia en quen concorra algunha das circunstancias sinaladas nos puntos 2.º e 3.º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incluídas as axudas ás sociedades anónimas suxeitas ao réxime de minimos, sen prexuízo da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado polo beneficiario.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os seis meses, contado desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no DOG. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo. O prazo de realización dos gastos subvencionales é dende 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de decembro de 2011; mentres que e o prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de xaneiro de 2012.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.