Axudas para a creación de microempresas de aproveitamentos forestais Imprimir
Xoves, 05 Xaneiro 2012 12:56

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da convocatoria das bases que regulan as axudas para a creación e mellora de microempresas de aproveitamentos forestais, parcialmente cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2007-2013 e se convocan para o exercicio orzamentario 2012.

Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais).  Non se considerarán substitucións de investimentos, salvo no caso de incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción, no que se subvencionará o diferencial de custo. Consideraranse con carácter exclusivo os seguintes:
- Bens de equipamento e instalacións en empresas de recollida, manexo, acondicionamento e comercialización de produtos forestais non madeireiros (cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais). No caso de produtos forestais alimentarios non se considerarán os investimentos relativos ao acondicionamento.
- Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal: esteladoras, fendedoras de leña, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.
- Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de cortiza ou biomasa.
- Equipamentos de seguridade.
- Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipamentos de corta e/ou saca de madeira, así como as adaptacións e implementos.
- Equipos tractocargadores completos e implementos forestais destes (os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida de biomasa, e limitarase o importe da máquina tractora ao 60% do valor do equipamento).
- Rozadoras, en número non superior aos equipamentos de saca de madeira ou biomasa propiedade da empresa.
- Góndolas, plataformas para o transporte da madeira ou biomasa e guindastres que se instalen nelas. O número de plataformas e guindastres limitarase ao número de equipamentos de saca (tractocargadores ou autocargadores) que teña a empresa. Non se subvencionará máis dunha góndola por empresa.
- Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria de saca de madeira ou de biomasa.
- Equipamentos informáticos ata un máximo subvencionable de 2.000 euros/empresa, descontando as axudas percibidas anteriormente por este concepto.

Non será subvencionable:
- A adquisición de terreos, edificacións e mobiliario.
- A adquisición de maquinaria usada.
- Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE.
- A renovación de maquinaria que non implique incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción. Neste caso valorarase unicamente a diferenza de custo.
- Os gastos de reparación e mantemento.
- Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.
- Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios.
- Investimentos destinados ao comercio retallista.
- Investimentos e actuacións con axudas financiadas con fondos comunitarios.
- Motoserras, rozadoras manuais e outras ferramentas manuais.
- Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro desta convocatoria e/ou sen constancia oficial de non terse iniciado con anterioridade á solicitude no caso de investimentos en parques intermedios.

Os beneficiarios deberán cumprir todos os requisitos dun dos seguintes puntos:
a) Ser microempresas do sector forestal radicadas en Galicia. Tomarase a definición de microempresa incluída no anexo I do Regulamento (CE) n.º 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008. Segundo esta definición, microempresas son aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
b) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
- Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70% do importe deste.
- Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou na declaración anual do IVE).
- Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou na declaración anual do IVE).
- Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
- Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.
c) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a el) e unha declaración xurada do beneficiario de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.
d) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.
e) Deberán ter, polo menos, o 33% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33% de estabilidade laboral no remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
f) Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, número 7 do Regulamento (CE) n.º 800/2008. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será 05 de febreiro de 2012.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.