Axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio Imprimir
Martes, 20 Maio 2014 11:57

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 9 de maio de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á convocatoria para o ano 2014.


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2013 de axentes de emprego e unidades de apoio, (procedemento TR352B) que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
2. Para o adecuado exercicio das súas funcións e actividades os e as axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.
3. A concesión e desfrute destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 1 que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para ser beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade, cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixan a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
4. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento, as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.
b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 16.2.d) correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.

Definición e funcións dos axentes de emprego
Os e as axentes de emprego na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego realizarán, entre outras, as seguintes funcións:
a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.
b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, para mellorar a súa empregabilidade.
c) Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
d) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.
e) Apoio aos promotores de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.
f) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, a actividade empresarial e a inserción laboral dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social dos e das axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.
2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo «C» no caso dos e das axentes de emprego e do módulo «B» para as unidades de apoio, conforme a seguinte escala:
Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 2 o 1, ambos inclusive. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.
Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 8 ao 3, ambos incluídos.
Para calcular a contía correspondente aos custos de seguridade social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa «Ocupación A».
3. O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación.
4. A subvención prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
5. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.
As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.
6. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Presentación de solicitudes
1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato: pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).
2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a presentación da solicitude asinada, a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Documentación
1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada pola entidade solicitante como información accesible de forma que a Dirección Xeral de Emprego e Formación poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:
a) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor.
b) Copia do DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega.
c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine esta representación.
d) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante nos cales resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro e os fins sociais segundo o disposto no artigo 3.1.
e) Memoria en que se fundamente a solicitude, segundo o modelo que se publica como anexo II, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as accións e actividades que teña que desempeñar o axente de emprego e as unidades de apoio administrativas, de ser o caso, así como un breve resumo comprensivo dos obxectivos acadados polos axentes con cargo ás axudas do exercicio anterior, en relación coas iniciativas empresariais xeradas e coa inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, como consecuencia da súa actuación.
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) A ausencia de ánimo de lucro.
c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.
e) A veracidade da titularidade da conta bancaria da entidade solicitante onde se deba efectuar o pagamento da subvención.
f) Que a entidade solicitante queda obrigada a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición desta, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.
g) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a), b), e d) da alínea anterior coinciden cos orixinais, que se poñen á disposición da Administración actuante para que os achegue cando se lle requira.
3. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.a), b), c) e d) deste artigo, xa estean en poder da Dirección Xeral de Emprego e Formación e non se producizan modificacións no seu contido, a entidade solicitante poderá identificala como información accesible e acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que se remitise a dita documentación, o número de expediente correspondente, e non tivesen transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.
4. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Máis información no seguinte DOG.