Programa para a promoción do emprego autónomo de mozos/as menores de 30 anos Imprimir
Martes, 27 Maio 2014 10:12

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 14 de maio de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo de mozos/as menores de 30 anos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo de persoas desempregadas xoves menores de 30 anos e proceder á súa convocatoria para o ano 2014. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas xoves desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014, ambos os dous inclusive.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas xoves desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
– Ter menos de 30 anos de idade na data da presentación da solicitude.
– Darse de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014, ambos os dous inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
– Non ter percibido subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
– Non ter desenvolvido como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin ter estado de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará á persoa traballadora autónoma colaboradora.
2. A persoas traballadora autónoma ou por conta propia poderá ser beneficiaria das axudas deste programa cando forme parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena da perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Ter dado lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
6. No suposto de subvencións solicitadas por persoa traballadora con discapacidade, ademais de cumprir os requisitos anteriores, deberá ter recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, de acordo coa definición do artigo 3.1.II.

Tipos de axuda
Subvención para iniciativas de autoemprego xuvenil
1. Co obxecto de facilitar ingresos durante o inicio da actividade á persoa xove desempregada que emprenda unha iniciativa empresarial ou profesional por conta propia, poderá concedérselle unha subvención a fondo perdido a calquera persoa xove menor de 30 anos que solicite a alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade profesional, desde a data da publicación desta orde ata o 30 de setembro de 2014.
2. A contía desta subvención será de 1.200 euros.
3. A contía da axuda incrementarase nun 10 % cando a persoa física, comunidade de bens ou sociedade civil, segundo os datos consignados no documento de alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (modelo 036), teña o seu centro de traballo nun concello das provincias de Lugo ou Ourense. Se a persoa solicitante no momento da presentación da solicitude non estivese de alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios, terase en conta para estes efectos o concello que declare a persoa solicitante na memoria do proxecto (anexo II) e na solicitude.
4. É requisito para optar a esta axuda ter solicitado a alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia
1. Poderáselle conceder á persoa desempregada, para a posta en marcha do seu proxecto empresarial ou profesional, unha subvención polo seu establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, sempre que se acredite un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e se realice no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio, coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2014. No caso da persoa física que estea incluída no réxime especial de recarga de equivalencia, regulado nos artigos 148 e seguintes da Lei do IVE (Lei 37/1992, do 28 de decembro), o IVE non é susceptible de recuperación, polo que se deberá ter en conta para o cumprimento do requisito de investimento mínimo.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención, terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
2. As contías desta subvención serán as seguintes:
A. 5.000 euros mozo.
B. 6.000 euros moza.
C. 6.500 euros persoa xove emigrante retornada, persoa xove traballadora procedente de empresa en crise, persoa xove desempregada de longa duración e persoa xove desempregada que esgotase a prestación por desemprego.
D. 8.000 euros mozo desempregado con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
E. 10.000 euros moza desempregada con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditada na documentación achegada coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que se solicita polo colectivo A deste número.
3. Aquela persoa solicitante que acredite un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 5.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e se realice no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio, coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2014, poderá solicitar un dos seguintes incrementos sobre as contías indicadas no parágrafo anterior para os seguintes colectivos:
A. 1.000 euros persoa xove desempregada.
B. 2.600 euros persoa xove desempregada con discapacidade, persoa xove pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 5.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención, terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
4. A contía da axuda incrementarase nun 10 % cando a persoa física, comunidade de bens ou sociedade civil, segundo os datos consignados no documento de alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (modelo 036), teña o seu centro de traballo nun concello das provincias de Lugo ou Ourense. Se a persoa solicitante no momento da presentación da solicitude non estivese de alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios, terase en conta para estes efectos o concello que declare a persoa solicitante na memoria do proxecto (anexo II) e na solicitude.

Subvención financeira
1. A subvención financeira ten por finalidade facilitar a creación do seu propio posto de traballo mediante a redución de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, tendo en conta que, como mínimo, o 75 % do préstamo se deberá destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible, e segundo o disposto na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación de 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e pola Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo (BOE nº 167, do 13 de xullo).
Este investimento deberase realizar no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio, con data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2014. En todo caso, a persoa beneficiaria debe acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. No caso da persoa física que estea incluída no réxime especial de recarga de equivalencia, regulado nos artigos 148 e seguintes da Lei do IVE (Lei 37/1992, do 28 de decembro), o IVE non é susceptible de recuperación, polo que se deberá ter en conta para o cumprimento do requisito de investimento mínimo.
Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios. No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada non se poderá conceder esta subvención para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada, agás as empresas que realicen un servizo integrado en que a operación de transporte só sexa un elemento, como os servizos de mudanza, os servizos de correo postal ou de mensaxaría e os servizos de recolla e transformación de residuos.
Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberán formalizarse entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2014 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se esta é anterior.
A persoa beneficiaria, no prazo de trinta (30) días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.
No caso de microcréditos concedidos por entidades públicas ou por outras entidades de crédito a persoa desempregada incluída nas letras C, D e E do número 2 deste artigo, a subvención poderá ser o custo total dos gastos financeiros, cos límites máximos sinalados no número seguinte.
2. A subvención financeira terá como límite máximo as contías seguintes:
A. 5.000 euros mozo.
B. 6.000 euros moza.
C. 6.500 euros persoa xove emigrante retornada, persoa xove traballadora procedente de empresa en crise, persoa xove desempregada de longa duración e persoa xove desempregada que esgotou a prestación por desemprego.
D. 8.000 euros mozo desempregado con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
E. 10.000 euros moza desempregada con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude e, no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase solicitada polo colectivo A deste número.

Competencia, solicitudes e prazo
1. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da representante que actúe con poder suficiente.
Tamén se poderán presentar en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo para xoves menores de 30 anos comezará o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2014.
3. Non é obrigatorio no momento da presentación das solicitudes para as axudas contidas nos artigos 5 e 6 desta orde ter solicitado a alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
4. As solicitudes estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar
(http://traballo.xunta.es).
5. Para a presentación de solicitudes as persoas interesadas poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.
6. A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderá ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no respectivo ámbito provincial onde a entidade solicitante desenvolva a súa actividade empresarial ou profesional, segundo consta na alta do imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
Se a persoa solicitante non estiver de alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios no momento da presentación da solicitude, o órgano competente para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos será a xefatura territorial no respectivo ámbito provincial segundo o domicilio de actividade manifestado na memoria do proxecto (anexo II) e na solicitude do interesado.
Cando a actividade se desenvolva en máis dunha provincia desta comunidade autónoma, será competencia da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia en que estea radicado o domicilio onde a persoa solicitante, comunidade de bens ou sociedade civil desenvolva fundamentalmente a súa actividade económica (modelo 036).

Documentación

As solicitudes deberanse presentar, unha por cada tipo de axuda, nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, e deberán ir acompañadas, do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada da seguinte documentación:
1. Documentación común para todas as modalidades de axudas:
a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo o modelo do anexo I, para a consulta dos datos de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordó co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.
No caso de non prestar esta autorización, a persoa solicitante ou o representante deberá achegar o DNI o NIE.
No caso dunha comunidade de bens ou sociedade civil, escritura de constitución e NIF da entidade.
Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, debéndose presentar declaración ante un notario ou secretario municipal, que adquirirá esta a categoría de documento público, e pode ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.
2. Documentación específica:
a) Subvención para iniciativas de autoemprego xuvenil.
– Memoria económica do proxecto empresarial, asinada pola persoa solicitante, que inclúa, se for o caso, orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, segundo o modelo do anexo II, ou aqueloutra que, respectando o seu contido mínimo, queira presentar a persoa solicitante.
– Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, no colexio profesional e mutualidade que corresponda.
– Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (modelo 036).
– De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
b) Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia:
– Documentación acreditativa da pertenza ao colectivo polo cal se opta.
– Memoria económica do proxecto empresarial, asinada pola persoa solicitante, que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, segundo o modelo do anexo II, ou aqueloutra que, respectando o seu contido mínimo, queira presentar a persoa solicitante.
Esta memoria deberá incluír unha listaxe asinada coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo incluído na memoria económica do proxecto empresarial (anexo II desta orde).
– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar.
– No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais (furgóns, camións ou vehículos mixtos), tarxeta de ITV onde figure esta clasificación.
– De ser o caso, declaración responsable da persoa solicitante en que se comprometa a solicitar a alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional no prazo sinalado na resolución de concesión e como data límite o 30 de setembro de 2014.
– Se a persoa solicitante na data de presentación da solicitude de axuda xa solicitou a alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, deberá xuntar:
1) Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, no colexio profesional e mutualidade que corresponda.
2) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (modelo 036).
3) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
c) Subvención financeira:
– Documentación acreditativa da pertenza ao colectivo polo cal se opta.
– Memoria económica do proxecto empresarial, asinada pola persoa solicitante, que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, segundo o modelo do anexo II, ou aqueloutra que, respectando o seu contido mínimo, queira presentar a persoa solicitante.
Esta memoria deberá incluír unha listaxe asinada coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo incluído na memoria económica do proxecto empresarial (anexo II desta orde).
– O compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo IV) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo xa formalizado.
– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.
– No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais (furgóns, camións ou vehículos mixtos), tarxeta de ITV onde figure esta clasificación.
– De ser o caso, declaración responsable da persoa solicitante en que se comprometa a solicitar a alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, no prazo sinalado na resolución de concesión e como data límite o 30 de setembro de 2014.
– Se a persoa solicitante na data de presentación da solicitude de axuda xa solicitou a alta como persoa traballadora autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, deberá xuntar:
1) Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.
2) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (modelo 036).
3) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
3. Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitilizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada na planta baixa do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.