Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación de persoas asalariadas Imprimir
Xoves, 12 Xuño 2014 11:11

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde, da Consellería de Traballo e Benestar,  do 30 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2014 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
3. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
4. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.
5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida efectuar a inscrición no correspondente rexistro.
6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
7. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 5 e 6 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014. A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Requisitos
1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que se realicen polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida deberán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houber outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora, agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
5. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Contía dos incentivos
1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:
Primeira persoa traballadora indefinida:
a) 4.000 € cando se trate dun home desempregado.
b) 5.000 € cando se trate dun mozo desempregado menor de 30 anos ou dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.
c) 5.000 € cando se trate dunha muller desempregada.
d) 6.000 € cando se trate dunha moza desempregada menor de 30 anos ou dunha muller desempregada de 45 ou máis anos de idade que sexa parada de longa duración.
Segunda e terceira persoa traballadora indefinida:
a) 5.000 € cando se trate dun home desempregado.
b) 6.000 € cando se trate dun mozo desempregado menor de 30 anos ou dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.
c) 6.000 € cando se trate dunha muller desempregada.
d) 7.000 € cando se trate dunha moza desempregada menor de 30 anos ou dunha muller desempregada de 45 ou máis anos de idade que sexa parada de longa duración.
2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Exclusións
Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:
1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.
2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e ás fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.
4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Solicitudes e prazos
1. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da persoa representante que actúe con poder suficiente.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data da publicación desta orde, deberán presentarse no prazo dun mes contado desde a data de publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
4. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2014, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.
5. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.
6. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Documentación
As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:
1. No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.
2. No caso de actuar por medio de representante, poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante.
3. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II) e a nómina do mes de contratación.
4. Se é o caso, TC2 correspondente ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial.
5. Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización: informe de vida laboral dun código conta de cotización). Se é o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
6. Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social ou, de ser o caso, no colexio profesional e mutualidade que corresponda. Se é o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
7. A documentación poderase presentar electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes.

Máis información no seguinte DOG.