Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria Imprimir
Xoves, 12 Xuño 2014 11:27

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde, da Consellería de Traballo e Benestar, do 2 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2014 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:
– Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (anexo A).
– Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (anexo B).

Persoas ou entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus anexos, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos puntos 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Persoas destinatarias finais e definicións
1. As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta orde serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas, así como ás persoas traballadoras con discapacidade, incluídas as procedentes de centros especiais de emprego.
2. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:
I. Persoas con discapacidade, aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.
A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.
De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, se considerará que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme ao previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).
Nestes casos, para a determinación do tipo de discapacidade psíquica, terase en conta a incapacidade en que o certificado do organismo competente para o seu recoñecemento, o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou o Ministerio de Defensa, recolla a concorrencia de parálise cerebral, de enfermidade mental ou de persoa con discapacidade intelectual.
Así mesmo, nestes casos a acreditación do grao de discapacidade superior ao 33% realizarase mediante a resolución ou o certificado de recoñecemento do órgano competente da Administración autonómica que corresponda.
II. Persoas desempregadas, aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas traballadoras que se incorporan á empresa polas que se solicita a subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
III. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, aquelas que se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
IV. Persoas traballadoras con discapacidade procedentes dun centro especial de emprego, aquelas persoas con discapacidade que prestando servizos nun centro especial de emprego sexan contratadas por nunha empresa ordinaria, sempre que non transcorresen máis de dez días naturais entre a data de baixa no centro especial de emprego e a data de alta na empresa ordinaria.

Solicitudes e prazos
1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia da persoa solicitante ou da persoa representante que actue con poder suficiente.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluida no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, serán os seguintes:
a) As solicitudes de axudas á contratación deberanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2014.
b) As solicitudes de axuda pola adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2014.


c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
3. O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
4. As solicitudes e os anexos dos programas están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar no seguinte enlace: http://traballo.xunta.es/axudas-e-subvencions.
Para cubrir as solicitudes de subvención poderase empregar a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.

Máis información no seguinte DOG.