Programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada Imprimir
Venres, 13 Xuño 2014 11:28

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 5 de xuño de 2014, da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se convocan para o ano 2014 as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Esta orde ten por obxecto convocar para o exercicio orzamentario 2014, en réxime de concorrencia competitiva polo sistema de rateo, as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, e as súas bases reguladoras son as contidas na Orde do 11 de xuño de 2013, publicadas no DOG núm. 116, do 19 de xuño. A finalidade desta liña de axudas é fomentar a participación dos agricultores e gandeiros nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada mediante a contribución ao financiamento dos custos fixos que esta participación ocasiona.

Solicitudes e procedemento de xestión
1. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 11 de xuño de 2013, pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas.
2. No caso de axudas correspondentes a programas de calidade xestionados por consellos reguladores que teñan asinado o convenio a que se refire o punto 2 do artigo 6 das bases reguladoras, as solicitudes presentaranse de maneira colectiva, de acordo co modelo que figura no anexo II-A («Solicitude de axuda a produtores tramitada polos consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración», procedemento MR362B) desta orde, e os ditos consellos actuarán, ademais de como entidades colaboradoras, como representantes dos beneficiarios. Xunto co dito impreso achegarán unha relación numerada de produtores solicitantes da axuda, de acordo co modelo do anexo II-B e certificado de que todos os produtores teñen as súas explotacións inscritas no correspondente programa de calidade e están sometidos aos controis pertinentes.
Para acreditar a vontade dos beneficiarios de solicitar a axuda, a entidade colaboradora deberá dispor das correspondentes solicitudes individuais cubertas polos beneficiarios, conforme o modelo que figura no anexo II-C («Autorización ao consello regulador para tramitar as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada») e cumprir o establecido no artigo 32.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. No caso de produtores que participen en programas de calidade nos cales non exista un órgano de representación que teña asinado convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, as solicitudes presentaranse anualmente de xeito individual conforme o anexo I («Solicitude de axuda para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración», procedemento MR362A) acompañadas, no caso de solicitantes persoas xurídicas, da documentación que acredite a representación da persoa física que asina a petición. Tamén achegarán copia do DNI do solicitante ou representante, segundo corresponda, no caso de que non se autorizase a verificación da identidade.
4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
6. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda) consonte o establecido nos artigos 11 e 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Gastos atendibles na convocatoria de 2014 e contía das axudas
1. Segundo o recollido nas bases serán subvencionables, excluídos impostos recuperables, os gastos derivados da inscrición e as cotas de participación nun programa de calidade diferenciada dos alimentos do sector agroalimentario galego, incluíndo, se é o caso, os gastos de rexistro, control ou inspección e certificación necesarios para comprobar o cumprimento das especificacións do programa. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.
A contía da axuda poderá chegar ata o 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.
2. Para a convocatoria de 2014, serán atendibles os gastos imputados á campaña anual que comprende o período que vai do 1 de xuño de 2013 ata o 31 de maio de 2014.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (13 de xullo de 2014). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Máis información no seguinte DOG.