Premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2013/14 Imprimir
Venres, 20 Xuño 2014 09:39

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 12 de xuño de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2013/14.

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2013/14 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Número e características dos premios
1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.
2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 do ano 2014 cunha dotación global de 20.000 €.
3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.
4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico, anotaralle nel a distinción.
5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.
6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2014/15.

Requisitos de participación
1. Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2013/14 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.
b) Ter obtido unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75.
2. Para obter a nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos de bacharelato. Non computará na obtención da nota media a cualificación da materia de relixión, tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A cualificación será a media aritmética das cualificacións do conxunto de materias ás que se refire o punto anterior, expresada con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.
4. O/a solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario/a de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, polos/as representantes legais dos/as solicitantes. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.
O/a solicitante pode escoller entre presentar a solicitude el mesmo ou entregala na secretaría do centro público de educación en que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Documentación
Para formalizar a inscrición deberase presentar, tal como se indica no artigo anterior, a seguinte documentación:
1. Solicitude cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.
2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de bacharelato recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media á que se refire o artigo 3.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público no que se atope o expediente académico.
3. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá por parte da dirección do centro público no que está o expediente académico, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado na aplicación informática:
https://www.edu.xunta.es/premiosbac
4. Fotocopia do documento de identidade (DNI ou NIE do solicitante) (só no caso de que o/a interesado/a non preste o consentimento para a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Máis información no seguinte DOG.