Prazas nas residencias xuvenís para o curso 2014/15 Imprimir
Venres, 20 Xuño 2014 09:48

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 13 de xuño de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2014/15.

A presente orde ten por obxecto convocar para o curso académico 2014/15, en réxime de concorrencia competitiva, 225 prazas para mozos e mozas (de 16 a 30 anos) nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da xuventude que por razóns de estudo ou traballo se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia familiar.
O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

76 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

55 Home/muller

Vigo

Altamar

94 Home/muller

Do total de prazas resérvase un 9 % para mozos e mozas que desempeñen unha actividade estatutaria, funcionarial ou laboral, tanto se é por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

8 Home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas traballadoras coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.
Cando o número de solicitudes supere a reserva establecida, para a adxudicación das prazas aplicaranse os criterios de selección establecidos no artigo 5.

Período da estadía

O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido entre o 1 de setembro de 2014 e o 31 de xullo de 2015. Exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.
As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no que estean matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e en todo caso concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.
En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 15 de outubro.

Requisitos das persoas solicitantes
1. Requisitos xerais, para todas as persoas solicitantes:
Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e as mozas que reúnan os seguintes requisitos:
– Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
– Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.
– Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2014.
2. Requisitos específicos para a mocidade estudante:
– Cursar estudos de ciclos formativos de grao medio, de bacharelato, de ciclos formativos de grao superior, estudos universitarios tendentes á obtención de título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria, ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.
– Que no concello onde radique a súa residencia familiar non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales o/a solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia familiar.
3. Requisitos específicos para a mocidade traballadora:
– Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia familiar da persoa solicitante.
– No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados dende a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
– No caso de ser unha persoa traballadora autónoma por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Solicitude
1. Lugar de presentación da solicitude.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria
2. Documentación que se debe presentar coas solicitudes.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Todas as persoas solicitantes terán que acompañar á súa solicitude a documentación xeral sinalada no punto seguinte, ademais da específica que lles corresponda segundo sexan estudantes ou persoas traballadoras.
2.1. Documentación xeral para todas as solicitudes:
A) Copia do DNI ou NIE, só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.
B) Libro de familia: fotocopia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.
C) Titulo de familia numerosa: fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso. Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso presentalo sempre e cando se autorice expresamente na solicitude o acceso telemático a estes datos.
D) Certificado de empadroamento, só no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia.
E) Certificado de convivencia: das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.
F) Xustificación de ingresos da unidade familiar. Non será necesario presentar ningunha xustificación cando se autorice expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a través de medios informáticos ou telemáticos. Para consentir expresamente, a persoa interesada marcará o cadro de autorización indicado para tal efecto na solicitude e as demais persoas con ingresos que compoñen a unidade familiar asinarán no número 2 do anexo IV.
De non prestar consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a obtención dos datos tributarios a que se refire o punto anterior, terán que presentar copia da declaración do IRPF, presentada no ano inmediato anterior á data de publicación da convocatoria, de cada unha das persoas da unidade familiar obrigadas a declarar ou, se é o caso, certificación emitida pola AEAT de non ter a obriga de declarar nese ano.
No suposto de que non sexa posible achegar a devandita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.
No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses para ser tomadas en consideración.
G) Acreditación de ser muller xestante: se é o caso, presentarase certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude de axuda,
H) Acreditación de violencia de xénero: se é o caso, acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:
a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.
c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
g) Calquera outra que se estableza regulamentariamente.
I) Orfandade: acreditación desta condición, se é o caso.
J) Discapacidade: acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33% de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar. No caso de documentos emitidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso presentar a devandita acreditación se cada persoa da unidade familiar con discapacidade recoñecida, autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para o acceso telemático dos seus datos. Así cando a condición de discapacidade a teña o/a solicitante, abondará con marcar o recadro correspondente da solicitude, noutro caso deberase asinar o número 1 do anexo IV.
K) Familia monoparental: acreditación mediante certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/materno-filiais.
L) Desemprego: acreditación da situación de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal, se é o caso.
2.2. Documentación específica para solicitudes de estudantes.
a) Certificación académica: orixinal ou copia en que figuren as notas das disciplinas correspondentes ao último curso. No caso do bacharelato LOXSE, xuntarase certificación académica da selectividade, e de non ser requisito necesario realizala, certificación académica do último curso do bacharelato LOXSE. Cando non se poida presentar esta documentación por non ter rematado o curso académico durante o prazo de presentación de solicitudes, poderá presentarse despois e como máximo ata o 11 de xullo.
b) Preinscrición/reserva de matrícula: fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria, ou ciclo formativo de grao superior ou grao medio correspondente para os/as alumnos/as que vaian cursar o 1º ano de estudos universitarios de grao medio ou superior, ou 1º ano do ciclo formativo de grao superior ou grao medio. No caso de tratarse de estudantes de bacharelato, solicitude de praza no centro en que pretenda cursar estudos, condicionado a que no seu momento presente a formalización da matrícula.
2.3. Documentación específica para persoas traballadoras.
a) Traballo por conta allea:
– Copia do nomeamento se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.
– Copia do contrato laboral en vigor se a relación de traballo é laboral (mínimo 3 meses).
b) Traballo por conta propia: certificado do tempo cotizado no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social.
3. Prazo de presentación da solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes será 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.
Se o último día de prazo é inhábil, enténdese prorrogada ata o primeiro día hábil seguinte.
Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto anterior, no caso de cambio de concello de residencia da unidade familiar ou outras circunstancias que motivadamente se aprecien nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar. As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, a súa admisión estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles no centro onde se solicite a praza.

Máis información no seguinte DOG.