Subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial e a igualdade nas pequenas e medianas empresas Imprimir
Mércores, 25 Xuño 2014 12:02

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 12 de xuño de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenas e medianas empresas (pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da eliminación da infrarrepresentación feminina ou da garantía da conciliación da vida familiar e laboral.

Liñas e programas

1. Esta orde cubre as accións que se realizarán entre o día 1 de xaneiro de 2014 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas.
2. As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas, I e II, e nos programas que se especifican a continuación:
Liña I (TR357B). Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas.
Mediante esta liña subvencionarase a formación de persoal das empresas en materia de responsabilidade social empresarial. O obxecto desta formación é capacitar o persoal das empresas galegas para que elaboren a memoria de sustentabilidade ou memoria de RSE.
Liña II (TR357C). Axudas para o fomento da igualdade laboral.
Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.
Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Programa 3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.
3. As empresas beneficiarias deben reunir as seguintes condicións:
a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.
b) Que conten cun número de persoas traballadoras inferior a 250. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude.
c) Non teñen consideración de beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro.
d) Atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como, antes das correspondentes propostas de pagamento.
e) Cumprir todos os requisitos exixidos pola normativa en materia de axudas e subvencións e demais normas de aplicación.
f) Cumprir os requisitos específicos exixidos para cada liña das establecidas nesta orde.

Requisitos específicos para as empresas beneficiarias da liña I
1. Serán beneficiarias das axudas da liña I desta orde as empresas que, ademais dos requisitos establecidos no artigo 4, formen o seu persoal para elaborar a memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade.
2. Para os efectos de poder comprobar a efectividade da formación recibida, as empresas beneficiarias estarán obrigadas a elaborar unha memoria de RSE, conforme os criterios da Xunta de Galicia, a través do programa informático Xunta PRO-RSE. Este programa é unha ferramenta de xestión da RSE, a nivel usuario, que facilita de xeito gratuíto a Consellería de Traballo e Benestar a través da páxina web http://rse.xunta.es.
Unha vez elaborada deberán presentar a dita memoria, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, no prazo do primeiro trimestre do ano natural seguinte a aquel no que se solicitou a axuda. A falta de presentación desta memoria dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro das axudas percibidas, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán ser beneficiarias desta liña as empresas que recibiron unha axuda para a mesma actividade ao abeiro da Orde do 3 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2013.
4. As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60 d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006 que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Actividades subvencionables
1. Para os efectos desta liña I, terán a consideración de gastos subvencionables a asistencia de persoal da empresa a actividades formativas en materia de elaboración de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade.
2. Requisitos que debe cumprir a actividade formativa para ser subvencionable:
a) Persoas destinatarias: a formación irá dirixida, exclusivamente, ao persoal da empresa que vaia elaborar a memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade, é dicir, persoal de dirección ou de administración.
b) Entidade formadora:
– Deberá ser impartida por unha entidade pública ou privada dedicada a este fin, que acredite ter experiencia en impartir cursos sobre memorias de RSE. Así mesmo, deberán acreditar que contan con persoal con experiencia en impartir os ditos cursos.
– A formación non poderá ser impartida pola mesma entidade ou empresa que solicita a axuda nin por unha empresa vinculada coa solicitante da axuda.
c) Contido: o programa do curso debe recoller contidos sobre a elaboración de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade. Deberá ter unha duración mínima de 30 horas.
d) Modalidade de formación: os cursos deberán ser impartidos de forma presencial ou por medios telemáticos (on line). No suposto de cursos por medios telemáticos deberá realizarse mediante unha plataforma telemática na que se rexistre o acceso de cada alumno ou alumna a esta. Considéranse excluídos os seminarios, xornadas, congresos e similares, así como os cursos realizados na modalidade de a distancia.
3. Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade que imparte a actividade formativa. Non se subvencionarán os gastos relativos ao funcionamento ordinario das empresas nin á adquisición de material inventariable.
4. En todo caso, nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvenionables polo FSE, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 1
1. Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, se atopen nalgún dos supostos seguintes:
a) Empresas que implanten dun xeito voluntario un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.
Para estes efectos, enténdese voluntaria a implantación do plan aínda que sexa obrigatoria para a empresa por ter acordado ou asinado un compromiso coa representación legal dos traballadores e traballadoras.
b) Empresas que implanten, en cumprimento de obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.
Tanto no punto A como no B, os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento.
2. Para seren beneficiarias destas axudas, as empresas deberán contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude. O número mínimo de persoas traballadoras deberá quedar acreditado tamén no momento da xustificación da realización da actividade e dos gastos satisfeitos.
3. As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60 d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006 que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Actividades subvencionables da liña II, programa 1
1. Polo que respecta a estas axudas para a implantación de plans de igualdade, terán a consideración de gastos subvencionables os que de seguido se relacionan:
Letra a): realización dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e que incluirá necesariamente, respecto do último ano e diferenciando por sexo, os seguintes aspectos:
– Avaliación dos postos de traballo: deberá comprender a selección e promoción profesional (composición, equilibrada ou non, sistemas de recrutamento, redacción de ofertas de emprego, medidas de acción positiva...), formación (acceso, difusión, realización dentro ou fóra da xornada laboral, facilidades...), prevención de riscos (medidas específicas para traballadoras embarazadas ou en período de lactación, incidencias causadas por enfermidade profesional ou accidente laboral, existencia de salas de lactación e repouso...).
– Categorías profesionais: análise da composición do persoal por categorías profesionais e centros de traballo, de ser o caso, desagregando os datos por sexo, tipos de contrato...
– Xornada laboral: tipo da xornada (tempo completo/parcial, continuada/partida) e duración en número de horas.
– Estrutura salarial e extra salarial: análise das retribucións por categoría profesional e sexo, desagregadas por retribucións básicas, complementos, axudas de custo... A dita análise pode levarse a cabo por bandas salariais.
– Outras cuestións: medidas de conciliación (análise das responsabilidades familiares do persoal, existencia de flexibilización nos horarios e melloras nos permisos con respecto ao establecido na lexislación vixente, excedencias,...), formas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo, comunicación e publicidade (linguaxe estereotipada en páxinas web, comunicacións internas e externas, campañas de publicidade,...).
Letra b): asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade convocados ou impartidos por entidades públicas ou privadas con experiencia nesta materia, distintas da empresa solicitante da axuda e que non estean vinculadas á beneficiara da axuda. Esta formación estará dirixida ao persoal directivo e/ou mandos intermedios da empresa, así como a aquel persoal que forme parte dos órganos de igualdade que se creen para o desenvolvemento do plan.
Letra c): a contratación de persoal con experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade, co obxecto de asesorar na elaboración e na implantación do plan de igualdade.
Letra d): os gastos derivados da contratación de empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na elaboración e na implantación do plan de igualdade.
Para a elaboración e implantación dos plans de igualdade, a que se fai referencia nas letras c) e d), é imprescindible ter formulado unha diagnose previa da situación real da empresa.
2. As axudas para os conceptos sinalados nas letras b), c), e d) do punto 1 deste artigo poderán solicitarse tamén para o mantemento do plan de igualdade durante a súa implantación, sempre que se cumpran os requisitos exixidos nesta orde e en función da concorrencia competitiva co resto das solicitudes presentadas. O número máximo de convocatorias nas que se poderán solicitar estas axudas será de catro, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade sexa maior.
3. Por cada empresa solicitante só se subvencionará a implantación dun único plan de igualdade.
4. Tanto a diagnose como os plans de igualdade, citadas nos anteriores letras a), c) e d):
– Deberán estar individualizados e adaptados ás circunstancias concretas de cada empresa.
– No caso de que dúas ou máis empresas teñan unha mesma persoa nos seus órganos directivos e, ademais, teñan o mesmo obxecto social, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa. Se presentasen solicitudes para máis dunha, so se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.
5. No suposto da letra b), formación:
– Só se concederá a subvención se as persoas destinatarias da formación en materia de plans de igualdade son persoas distintas daquelas que xa recibiron a dita formación en exercicios anteriores, calquera que sexa a modalidade e o programa dos cursos.
– A formación que se vai impartir deberá ser progresiva nos seus contidos e para o persoal antes citado.
– Entenderase como formación, para estes efectos, os cursos presenciais ou impartidos por medios telemáticos (on line), nos que se requira un control de asistencia e aproveitamento destes, que teñan unha duración mínima de 40 horas e que estean directamente relacionados coa realización dun plan de igualdade. Consideraranse excluídos as xornadas, seminarios, congresos e similares, así como os cursos a distancia.
– Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade que imparte a actividade formativa.
6. En todo caso, nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 2
Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, no momento da solicitude conten cun máximo do 10 % de mulleres no seu cadro de persoal e sempre que concorran os requisitos seguintes:
1. Que se trate dun sector de actividade no que sexa habitual a infrarrepresentación laboral feminina. Para estes efectos, a Orde do 25 de novembro de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, publicou unha relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 234, do 7 de decembro).
2. Que a empresa se comprometa a incrementar a porcentaxe de representación feminina, xa ben por incluílo no seu plan de igualdade ou ben por propia iniciativa.
Actividades subvencionables da liña II, programa 2
1. Para os efectos desta orde, e polo que respecta ás axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina, terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos, sen IVE, para a adaptación das instalacións ou o investimento noutros medios materiais da empresa, tales como vestiarios ou baños, para adecuala ás novas necesidades resultantes da contratación de mulleres.
2. Non se poderá volver solicitar a axuda económica establecida neste suposto salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acreditase a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións ou outros medios materiais da empresa.
3. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou de 2 anos para o resto.
4. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 3
Serán beneficiarias destas axudas as empresas que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4 e que, de xeito individual ou mancomunado, poñan en marcha medidas de conciliación.

Actividades subvencionables da liña II, programa 3
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, e conforme os prezos do mercado, sen incluír o IVE, derivados dos investimentos realizados pola/s empresa/s de xeito individual ou mancomunadamente, para habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas co fin de garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.
2. Só se subvencionarán os gastos que se consideren imprescindibles para o axeitado funcionamento das instalacións habilitadas.
3. Nestas instalacións teranse en conta as necesidades das mulleres traballadoras con discapacidade e deberase especificar tal circunstancia na memoria das actuacións.
4. Non se poderá volver solicitar esta axuda económica salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acreditase a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións.
5. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens co fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou 2 anos para o resto.
6. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. Se é necesario, as empresas beneficiarias destas axudas xustificarán o cumprimento dos requisitos exixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia regulados nos decretos 243/1995, do 28 de xullo, e 329/2005, do 28 de xullo. Isto é unha condición indispensable para permitir o seu posterior funcionamento.

Solicitudes

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nas distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas liñas e, de ser o caso, por cada un dos programas.
2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 28 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Deben dirixirse ao órgano competente para resolver (Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n. planta 0, 15781 Santiago de Compostela).
4. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará nun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no Diario Oficial de Galicia. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Documentación da solicitude
1. Documentación da liña I (TR357B):
1.1. Anexo I desta orde, cuberto en todos os seus puntos.
1.2. No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante.
1.3. Copia das escritura de constitución, estatutos ou análogos da empresa solicitante que acrediten o seu domicilio social e as persoas administradoras.
1.4. Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as seus epígrafes, sen IVE.
1.5. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2013.
1.6. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida o período do mes inmediatamente anterior ao da presentación da solicitude.
1.7. Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no suposto de non autorizar a súa consulta á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.
1.8. Memoria da actividade formativa para a que se solicita a subvención, na que debe constar: o programa do curso, as horas de duración, as datas e lugar de realización e a entidade formadora que a imparte. Nos suposto de formación telemática ou on line deberá conter, ademais, unha impresión da páxina de inicio e de todos os contidos da plataforma telemática desde a que se imparta.
1.9. Declaración responsable da persoa representante da entidade formadora que acredite a súa experiencia na impartición de actividades formativas en materia de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade. Na declaración debe constar unha relación dos cursos sobre memorias de RSE realizados nos últimos 3 anos, indicando as datas de realización, así como a relación das persoas que impartirán o curso obxecto da subvención indicando a súa cualificación e/ou experiencia en impartir cursos nesta materia.
1.10. No suposto de que o curso se imparta en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade que o imparte indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 25 desta orde.
2. Documentación xenérica da liña II (TR357C):
2.1. Anexo IV desta orde, cuberto en todos os seus apartados.
2.2. No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade, segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante.
2.3. Copia das escritura de constitución, estatutos ou análogos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e as persoas administradoras.
2.4. Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as seus epígrafes, sen IVE.
2.5. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2013.
2.6. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida o período do mes inmediatamente anterior ao da presentación da solicitude.
2.7. Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no suposto de non autorizar a súa consulta á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.
3. Documentación específica para todos os supostos da liña II (TR357C), programa 1, implantación de plans de igualdade:
3.1. Proxecto do plan de igualdade no que consten as liñas xerais deste e o resto das actividades previstas para a súa posta en funcionamento, con expresión dos medios persoais e materiais e de se inclúe ou non todos os centros de traballo da empresa.
3.2. No caso de estar xa elaborado o plan de igualdade, cos contidos mínimos e demais requisitos exixidos no artigo 10 desta orde, será remitido a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, xunto con copia da solicitude de certificación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.
3.3. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 25 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.
4. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra a), diagnose:
4.1. Se a diagnose a realiza a empresa solicitante da axuda con persoal propio, informe no que se acrediten suficientemente os recursos materiais e humanos empregados, especificando a cualificación e a experiencia de cada unha das persoas que realizarán a diagnose. O informe debe estar asinado pola persoa que represente a empresa que solicita a subvención.
4.2. Se a diagnose a realiza unha consultora privada, esta presentará unha declaración responsable da persoa que represente a dita consultora cos medios materiais e humanos de que dispón, especificando a cualificación e a experiencia de cada unha das persoas que realizarán os traballos de diagnose. Ademais, a declaración responsable deberá indicar unha relación dos traballos de diagnose ou de elaboración de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos pola consultora, detallando datas de execución dos traballos e contidos. A declaración ten que estar asinada en relación a todos os seus contidos.
4.3. En ambos os casos, como complemento ao anterior, pódense presentar currículos e memorias explicativas.
4.4. No suposto de que a diagnose se realice en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 25 desta orde.
5. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra b), formación:
5.1. Programación dos cursos a que se vaia asistir ou, de telos xa realizados, diplomas ou certificacións destes, con indicación do seu contido e duración. Nos casos de formación telemática ou on line deberá presentarse, ademais, unha impresión de todos os contidos da plataforma telemática desde a que se imparta.
5.2. Declaración responsable da persoa representante da entidade formadora que acredite a súa experiencia en impartir cursos sobre plans de igualdade. Na dita declaración constará unha relación dos cursos sobre plans de igualdade realizados nos tres últimos anos, indicando as súas datas de execución e contido e, pola súa vez, una relación das persoas que impartirán estes cursos, especificando a súa cualificación e experiencia en materia de plans de igualdade. A declaración ten que estar asinada en relación a todos os seus contidos.
5.3. Como complemento ao anterior, pódense presentar currículos e memorias explicativas.
5.4. No suposto de que o curso se imparta en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade que o imparte indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 25 desta orde.
6. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra c), contratación de persoal:
6.1. Fotocopia compulsada do contrato de traballo da persoa ou persoas contratadas.
6.2. Currículo da persoa ou persoas contratadas que acredite a súa experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade.
6.3. Se a persoa contratada é unha muller con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social, ás que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, terán que achegar a certificación expedida polo organismo público competente que acredite a concreta condición da muller incluída nalgún dos supostos da dita disposición adicional.
6.4. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, de ser o caso, cando se estea na fase de elaboración do plan, compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.
7. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra d), contratación de empresa ou entidade externa:
7.1. Declaración responsable da persoa representante da entidade externa que realiza a actividade subvencionable, acreditativa da súa experiencia na elaboración e implantación de plans de igualdade Na dita declaración constará unha relación dos traballos de asesoramento para a elaboración e implantación de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos, indicando as súas datas de execución e contido. Ademais, deberá indicar os recursos materiais e humanos de que dispón, especificando a cualificación e a experiencia de cada unha das persoas que realizarán os traballos de asesoramento ao que se refire este suposto. A declaración ten que estar asinada en relación a todos os seus contidos.
7.2. Como complemento ao anterior, pódense presentar currículos e memorias explicativas.
7.3. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, se é o caso (cando a axuda que se solicita sexa para a elaboración do plan), compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.
8. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 2, investimentos para eliminar a infrarrepresentación feminina:
8.1. Memoria das actuacións materiais que se van realizar xustificando a súa oportunidade en virtude das novas necesidades derivadas da contratación de persoal feminino.
8.2. Compromiso do máximo órgano de representación da empresa solicitante da subvención no que conste a vontade de contratar a traballadoras no número ou porcentaxes requiridas con indicación do prazo máximo de execución dese compromiso.
8.3. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 25 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.
9. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 3, investimentos para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral:
9.1. Memoria explicativa e descritiva das actuacións materiais que se vaian realizar.
9.2. No caso de que sexa necesaria polas súas características, solicitude de autorización para a creación das instalacións obxecto do investimento, acreditando a súa presentación ante o organismo competente. Se non fose necesaria a dita autorización, deberán achegar unha declaración responsable da persoa representante da empresa explicando os motivos da dita exención.
9.3. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 25 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.
10. As entidades que soliciten máis dunha liña ou máis dun programa da liña II, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación específica para o programa ou punto de axuda respectivo.

Máis información no seguinte DOG.