Programa de incentivos á formación e contratación Imprimir
Xoves, 26 Xuño 2014 08:04

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 13 de xuño de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación e contratación -Programa Forcon-cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2014 da fase de emprego do programa mixto de formación e contratación (Programa Forcon) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que sexan contratados en ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias todas aquelas entidades que, pertencendo aos sectores estratéxicos establecidos no Plan estratéxico Galicia 2010-2014, teñan a condición de entidade colaboradora.
2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, estar declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das que se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de entidade beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.

Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables
Serán subvencionables ao abeiro desta orde:
a) As contratacións temporais, a tempo completo ou a tempo parcial, que se formalicen desde o 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014 con persoas desempregadas mozos e mozas sen cualificación que participasen como alumnas na etapa formativa do programa Forcon nos cursos relacionados no anexo VII da Orde do 27 de maio de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa Forcon–, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.
b) As transformacións en indefinidos dos contratos temporais formalizados con persoas alumnas que participasen na etapa formativa do Programa Forcon nos cursos relacionados no anexo VII da Orde do 27 de maio de 2013, sempre que a transformación se realice ao rematar a vixencia destes e ata o 30 de setembro de 2014.

Requisitos
1. As contratacións temporais deberán ter unha duración mínima inicial de 6 meses e realizarse con persoas desempregadas mozos e mozas sen cualificación que participasen como alumnas na etapa formativa do programa Forcon, nos cursos relacionados no anexo VII da Orde do 27 de maio de 2013.
2. Como consecuencia da contratación temporal pola que se solicita a subvención, ten que manterse o cadro de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.
3. Como consecuencia da transformación do contrato temporal en indefinido pola que se solicita a subvención, ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.
Para o cálculo do mantemento do cadro de persoal e do incremento do cadro de persoal fixo non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade do traballador ou traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez, legalmente recoñecidas, ou por finalización do contrato.
4. Ao abeiro deste programa, o número de persoas traballadoras cuxo contrato temporal foi subvencionado non poderá superar o 10 % do cadro de persoal da empresa no mes da contratación pola cal se solicita subvención. Para aquelas empresas que teñan menos de 20 persoas traballadoras no mes da contratación pola cal se solicita subvención, só se subvencionará unha persoa traballadora.
5. A empresa deberá informar previamente á representación legal dos traballadores das contratacións obxecto de subvención.

Contía dos incentivos
1. As contratacións temporais incentivaranse cunha axuda de 2.500 euros.
2. As transformacións en indefinidos dos contratos temporais incentivaranse cunha axuda de 2.500 euros.
3. Estas contías serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Exclusións
Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:
1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
2. Os contratos realizados co cónxuxe, cos ascendentes, cos descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando o empregador sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoas traballadoras por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

Solicitudes e prazo
1. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. As axudas previstas nesta orde poderán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2014, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.
4. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde a data de publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
5. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es e na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. Para cubrir as solicitudes poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.
6. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Documentación
As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:
1. No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.
Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e o NIF da empresa.
2. Declaración da media do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada (anexo II-A no caso de contratación temporal e anexo II-B no caso de transformación do contrato temporal en indefinido).
3. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención e a nómina do mes de contratación (anexo III).
4. Acreditación do cumprimento por parte da empresa da obriga de informar á representación legal dos traballadores acerca dos contratos temporais formalizados.
5. Documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación, e se é o caso, documentos TC2 correspondentes a mensualidade da contratación obxecto de solicitude de subvención.
Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5 punto 3.
6. A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes.

Máis información no seguinte DOG.