Subvencións para fomentar a remuda comercial Imprimir
Venres, 01 Agosto 2014 09:03

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 18 de xullo de 2014, Consellería de Economía e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para fomentar a remuda comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN216A).

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.
O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder dos límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos, establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013, da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
As contías da subvención serán as seguintes:
a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, que se fixa na cantidade de setecentos euros (700 €).
b) Os transmisores que non teñan acadada a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, a razón de setecentos euros (700 €) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte a causaren baixa comercial.
c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dous mil euros (2.000 €), con independencia do número de establecementos que adquiran.
Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización de quince anos, e deberán ser as propias persoas beneficiarias as que fagan o pagamento das ditas cotas de cotización á Seguridade Social e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou da documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.
A Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar das persoas beneficiarias o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.
As persoas solicitantes ou beneficiarias deberán comunicar, coa maior brevidade, toda variación, no referente á súa situación respecto á Seguridade Social que se produza e, en todo caso, nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.

Beneficiarios/as
1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exerceren o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.
b) Ter unha idade mínima de 64 anos cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.
No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.
d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ao chegar á idade ordinaria de xubilación.
e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.
f) Que figure inscrito no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. Tamén se considerarán beneficiarias as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exerceren o comercio, e quedarán vinculadas ambas as dúas persoas para a concesión da subvención.
En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.
Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes
1. As solicitudes para participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indica na convocatoria.
2. Xunto coa solicitude (anexo III) deberase presentar a seguinte documentación:
2.1. Persoa solicitante:
a) Só no caso de non autorizar a súa verificación, documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro.
b) Só no caso de non autorizar o órgano xestor a súa petición, certificación expedida pola Axencia Tributaria en que consten as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura de alta a persoa solicitante durante 10 anos ininterrompidos.
c) Informe de vida laboral que acredite estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social durante os últimos dez anos continuados, así como dos períodos realmente cotizados aos distintos réximes da Seguridade Social.
d) Copia da declaración da renda do último exercicio en caso de estar dado de alta en varias actividades cando unha delas non é subvencionable.
e) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, no caso de que a persoa solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.
2.2. Persoa designada para a remuda comercial:
a) Só no caso de non autorizar a súa verificación, documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro.
b) Breve memoria descritiva da actividade.
A documentación complementaria presentarase en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (01 de setembro de 2014).
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Información aos interesados
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN216A, poderase obter información na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:
a) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es
b) Páxina web oficial da Consellería de Economía e Industria:
http://economiaeindustria.xunta.es, na súa epígrafe de axudas.
c) No teléfono 981 54 59 15 da Dirección Xeral de Comercio.
d) No enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
e) Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Máis información no seguinte DOG.