Programa Emega Imprimir
Luns, 11 Agosto 2014 12:32

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación resolución do 8 de agosto de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (SI429A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para apoio ao emprendemento feminino (programa Emega), sometidas ao réxime de minimis e reguladas polo procedemento de concorrencia competitiva.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2014.
As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais, ademais do fomento da iniciativa empresarial da investigación ou de base tecnolóxica, como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:
1. Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.
2. Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.
3. Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.
4. Liña ITEF: específica de investigación ou tecnolóxica en feminino: programa de axudas económicas mediante primas para promocionar o mellor proxecto empresarial de claro carácter innovador, contido científico ou de base tecnolóxica nas empresas lideradas por mulleres e que comparten a creación de emprego feminino.
5. Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova, Activa ou ITEF nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.

Beneficiarias e requisitos xerais
1. Poderán ser destinatarias das axudas do programa Emega as empresas, ou os proxectos empresariais no suposto da liña ITEF, formadas por mulleres emprendedoras que cumpran as obrigas e os requisitos específicos establecidos para cada liña de axuda, así como os seguintes requisitos xerais:
a) Teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia.
b) Estean validamente constituídas na data de finalización do prazo de solicitudes, coa excepción dos proxectos da liña ITEF que poderán tamén constituírse ata o prazo de xustificación.
c) A actividade mercantil sexa realizada por:
c.1. Empresarias autónomas.
c.2. Sociedades, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.
Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa ten que ser exercida por mulleres e o capital social pertencer unicamente a mulleres cando se trate de microempresas e estar maioritariamente subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas.
c.3. Teñan a categoría de microempresas ou pequenas empresas.
– As microempresas defínense como as unidades económicas que ocupan menos de 10 persoas e que teñen un volume de negocio anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.
– As pequenas empresas defínense como as unidades económicas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.
2. Con carácter específico quedan excluídas do ámbito desta resolución as empresas públicas ou participadas e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, con excepción dos supostos previstos para a liña ITEF, e manterse durante o período de permanencia da actividade.
4. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Liña Emprende: beneficiarias das axudas para a posta en marcha
Poderán ser beneficiarias da liña emprende as mulleres que poñan en marcha unha iniciativa empresarial a través de microempresas ou pequenas empresas, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que se establezan como empresarias autónomas ou constituíndo sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.
b) Que se acredite ausencia de actividade laboral derivada dunha situación legal de desemprego por un período mínimo dun mes inmediatamente anterior ao día primeiro do mes de alta na actividade. No caso de empresas constituídas por máis dunha muller, esta condición exíxese ao 50 % das promotoras.
c) Que se creen na empresa os postos de traballo de todas as promotoras.
d) Que o inicio da actividade empresarial se produza nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
e) Para os efectos deste programa de axudas, o inicio de actividade está determinado:
– Pola alta da actividade no IAE ou da declaración censual (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal, que coincidirá coa que é obxecto da solicitude da axuda).
– E pola alta das promotoras no réxime da Seguridade Social ou mutualidade profesional que corresponda.
Ambas as dúas teñen que formalizarse antes do fin do prazo de presentación de solicitudes.
f) Que presenten un plan de empresa en que se desenvolva a planificación do proxecto empresarial concretando os obxectivos, estratexias e medios necesarios para a actividade da empresa, elaborado nos termos que se indican no artigo 9 desta resolución.
g) Que non tivesen con anterioridade actividade mercantil na mesma actividade económica para a cal se solicita a axuda e que non recibisen nos últimos cinco anos calquera outra axuda da Comunidade Autónoma de Galicia para a creación de empresas.

Liña Innova: beneficiarias das axudas para mellorar
Poderán ser beneficiarias da liña Innova, para a realización dun proxecto de mellora empresarial, as empresarias autónomas ou as sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que acrediten no mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes actividade empresarial ininterrompida entre 2 e 5 anos na mesma actividade económica para a cal se proxecta a mellora.
b) Que presenten un plan de empresa nos termos do artigo 9 desta resolución en que se defina o proxecto de mellora empresarial e a estratexia para a súa implementación.
c) Que o proxecto de mellora supoña a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o cal se exixa capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ás accións do proxecto de mellora e por un período mínimo de dous anos.
d) Que o proxecto se materialice a través dalgunha das seguintes accións:
– Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos ou mellora dos xa existentes.
– Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción e/ou distribución.
– Proxectos de diversificación de produción e/ou da oferta de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.
– Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos e/ou servizos innovadores ou de especial singularidade.
e) Que o proxecto de mellora se realice nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación.
f) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega para mellora de empresas.

Liña Activa: beneficiarias das axudas para reactivación para o mantemento do emprego

Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Activa as empresarias autónomas ou as sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, que proxecten a reactivación da súa actividade económica para o mantemento do emprego e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que acrediten un período mínimo de actividade mercantil na actividade económica para a cal se solicita a axuda de 3 anos no mes de finalización do prazo de solicitudes, admitíndose períodos de inactividade que en total non superen os 3 meses na data indicada.
b) Que presenten un plan de empresa nos termos do artigo 9 desta resolución para a reactivación e consolidación da empresa.
c) Que manteñan ou incrementen o número de postos de traballo por conta propia e por conta allea preexistentes na empresa.
d) Que o proxecto de reactivación se realice nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación.
e) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega.

Liña (ITEF): beneficiarias das axudas para o mellor proxecto empresarial de investigación ou tecnolóxico en feminino
1. Nesta liña, só se concederá axuda para o mellor proxecto empresarial presentado. Os seguintes catro proxectos valorados que acaden a puntuación mínima que estableza a comisión de valoración recibirán un Diploma ou certificado que os acredite como «proxectos ITEF cualificados» en recoñecemento do proxecto.
2. Os proxectos deberán estar liderados por mulleres que cumpran os requisitos do artigo 3 e que poñan en marcha unha iniciativa empresarial a través de microempresas ou pequenas empresas, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que o inicio da actividade empresarial se produza nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ou como máximo ata o prazo de xustificación.
b) Que a actividade, produto ou servizo que vaian desenvolver teña claro carácter innovador, contido científico ou base tecnolóxica.
c) Se respecte unha proporción dunha persoa con titulación universitaria relacionada coa tecnoloxía ou co ámbito da ciencia por cada catro postos de traballo. No caso de que só exista unha promotora, esta deberá posuír a mencionada titulación.
d) Se establezan como empresarias autónomas ou constituíndo sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.
e) Que se creen na empresa os postos de traballo de todas as promotoras.
f) Que presenten un plan de empresa en que se desenvolva a planificación do proxecto empresarial concretando os obxectivos, estratexias e medios necesarios para a actividade da empresa, elaborado nos termos do artigo 9 desta resolución.
g) Que non tivesen con anterioridade actividade mercantil na mesma actividade económica para a cal se solicita a axuda e que non recibisen nos últimos cinco anos axuda do programa Emega para creación de empresas.
3. Para os efectos deste programa de axudas, o inicio de actividade está determinado:
– Pola alta da actividade no IAE ou da declaración censual (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal que coincidirá coa que é obxecto da solicitude da axuda).
– E pola alta das promotoras no réxime da Seguridade Social ou mutualidade profesional que corresponda.
Ambas as dúas teñen que formalizarse antes do fin do prazo de presentación de solicitudes ou de xustificación.

Liña Concilia: beneficiarias das axudas para a conciliación
1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Concilia as empresas que opten a calquera dos programas establecidos nestas bases reguladoras sempre que se produza algunha das situacións que se sinalan, de acordo coas condicións definidas no artigo 14 para cada tipo de axuda desta liña:
a) Que formen parte da empresa promotoras con fillos/as que non superen os 3 anos de idade na data límite de xustificación.
b) Que se asine un acordo ou convenio de conciliación para o persoal asalariado, aprobado polas/os traballadoras/es ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización que favorezan a conciliación, a non segregación e que comparten flexibilización horaria.
c) Que se asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa por contrato laboral.
2. Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo o desenvolvemento dunha actividade laboral remunerada para a cal se empregan como ferramentas básicas as tecnoloxías da información e telecomunicación e na cal non existe presenza física permanente nin na empresa que ofrece os servizos ou bens, á cal está vinculada laboralmente a persoa traballadora, nin na empresa demandante deses servizos ou bens; e considérase teletraballadora ou teletraballador aquela persoa ocupada que realiza unha tarefa profesional fóra da súa sede laboral habitual e por medio dun ordenador persoal, como mínimo, unha xornada semanal.
O acordo de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións laborais do posto (establecerá o lugar de traballo, a accesibilidade da traballadora ou traballador por requirimento da empresa, vacacións, retribucións, etc.); os métodos de traballo (fixará o sistema formalizado de traballo –quen recibe ou supervisa o traballo, de que forma– e os tipos de comunicación); establecerá os custos variables (electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipamento, seguros, etc.) derivados da realización do traballo e o sistema de reembolso ou compensación.
A propiedade do equipamento de traballo e o seu mantemento corresponde á empresa, e o acordo deberá fixar os criterios e servizos para iso e indicar que persoas están autorizadas para o seu uso e os distintos usos segundo o traballo de que se trate. No citado acordo recolleranse tamén aqueles aspectos relativos á formación das persoas traballadoras, as cláusulas de confidencialidade e aqueloutros aspectos necesarios para o óptimo desenvolvemento do posto de traballo.

Tipos de axuda e contías
1. As axudas destinadas ás beneficiarias do programa Emega consisten en achegas económicas en forma de prima destinadas a apoiar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras, a promover a creación de emprego feminino, á adopción de novas formas de organización do traballo e a favorecer a conciliación da vida persoal e laboral e formación. Para iso establécense as seguintes contías, segundo as liñas de actuación definidas nesta resolución e o número de postos de traballo, por conta propia e allea, xerados:
1.1. Liña Emprende:
1.1.a) Prima de 12.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.
1.1.b) Prima de 18.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.
1.1.c) Prima de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.
1.1.d) Prima de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.
1.2. Liña Innova:
1.2.a) Prima básica de 15.000 euros por empresa.
1.2.b) Prima de 18.000 euros ás empresas que, ademais do emprego obrigatorio fixado no artigo 5, creen un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.
1.2.c) Prima de 22.000 euros ás empresas nas cales existan máis de dúas traballadoras autónomas e se cree, ademais do emprego obrigatorio, un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.
1.3. Liña Activa:
1.3.a) Prima de 6.000 euros ás empresarias autónomas.
1.3.b) Prima de 12.000 euros ás sociedades constituídas por dúas promotoras e ás empresarias autónomas, sempre que, neste último caso, se manteña ou, no seu defecto, se cree un posto de traballo con contrato indefinido para outra muller.
1.3.c) Prima de 18.000 euros ás empresas que manteñan ou creen máis de dous postos de traballo por conta propia para mulleres.
1.3.d) Prima de 20.000 euros ás empresas que manteñan ou creen dous postos por conta propia e un posto por conta allea con contrato indefinido para mulleres.
1.3.e) Prima de 22.000 euros ás empresas que manteñan ou creen dous postos por conta propia e dous postos por conta allea con contrato indefinido para mulleres.
1.4. Liña ITEF:
1.4.a) Prima de 30.000 euros para o mellor proxecto empresarial que cree un ou dous postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.
1.4.b) Prima de 50.000 euros para o mellor proxecto empresarial que cree un mínimo de tres postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.
1.5. Liña Concilia:
1.5.a) Prima básica de 3.000 euros por empresa con promotoras con fillos/as menores de tres anos.
1.5.b) Prima de 5.000 euros por acordo ou convenio de conciliación.
1.5.c) Prima de 1.000 euros por contrato de teletraballo, para mulleres ou homes, co máximo de 5.000 euros.
1.6. Axuda DUAL: consistente nunha axuda a tanto global de 500,00 euros para aquelas promotoras que reciban subvención por calquera das liñas anteriores e que se comprometan a participar e completar o programa de titorización que programe a Secretaría Xeral da Igualdade, para conseguir a pervivencia da empresa no tempo, marcando a casa correspondente do anexo III.
O dito programa consistirá nun máximo de 5 entrevistas persoais e un seguimento para titorizar o proxecto subvencionado que será comunicado de xeito individual a cada promotora subvencionada.
2. Para as axudas desta convocatoria establécese o tope específico de 30.000 euros por empresa máis a axuda DUAL, incluídos os tipos de axuda da liña Concilia, excepto para a liña ITEF, que terá os importes reflectidos no seu programa máis a axuda DUAL e Concilia de ser o caso.
As liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF son incompatibles entre si e dentro de cada liña só se pode ser beneficiaria dunha única prima, agás na liña Concilia, en que unha empresa pode beneficiarse da prima por nais emprendedoras e dunha das establecidas en función da existencia de persoal asalariado. Todo iso sempre que se respecten os topes xerais de axuda de minimis.

Compatibilidade e concorrencia de axudas públicas

Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención corrente destinada ao fomento do emprendemento, ben a través da creación de emprego autónomo ou ben pola xeración de postos de traballo por conta allea para mulleres.

Prazo e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (11 de setembro de 2014). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. As persoas interesadas presentarán a seguinte documentación:
Cando se trate dun proxecto que concorre á liña ITEF e non estea aínda constituída a empresa, só presentará a documentación das alíneas a), b), c), h), i), k) e l) sen prexuízo de que no trámite de xustificación, ademais da documentación que lle corresponde do artigo 25.1.1, deba presentar a das alíneas e) e g) deste artigo.
a) Anexo I: solicitude en modelo normalizado.
b) Anexo II: compromiso expreso de creación/mantemento de postos de traballo por conta allea, de ser o caso.
c) Anexo III: compromiso expreso de execución dun gasto de investimento superior ao mínimo exixido e da súa posterior xustificación e/ou de participación no programa de titorización, de ser o caso.
d) No caso das sociedades civís e comunidades de bens, anexo V (declaración de axudas) por cada unha das promotoras.
e) NIF da empresa, copia do documento de constitución da sociedade e copia da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade. Cando a solicitante sexa persoa física, só terá que presentar copia do DNI ou NIE, no caso de que non autorizase expresamente a súa consulta, segundo se recolle no anexo I de solicitude.
f) Informe de vida laboral actualizado de todas as persoas promotoras, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou pola mutualidade profesional, segundo corresponda.
g) Certificación da Axencia Tributaria que reflicta a data da alta fiscal da empresa e os códigos da actividade económica correspondentes ou alta censual. Nas solicitudes para as axudas da liña Emprende e ITEF é obrigatoria a presentación dos dous documentos.
h) Plan de empresa.
i) Libro de familia das promotoras nais de menores de tres anos, de ser o caso.
j) Acordo ou convenio de conciliación, de ser o caso.
k) Compromiso de teletraballo (anexo II), de ser o caso.
l) De ser o caso, documentación acreditativa das situacións específicas de especial protección obxecto de valoración: inactivas ou paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social ou mulleres que interromperon a actividade laboral pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar.
4. A Secretaría Xeral da Igualdade reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.
5. As persoas solicitantes observarán as especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude empregando os anexos normalizados para os documentos especificados neste artigo. Estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscadas. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe achegar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivamento e dixitalización da documentación, e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada na planta baixa do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000 ou no seguinte DOG.