'Xornadas de información académica e orientación para o emprego' en Verín Imprimir
Luns, 10 Novembro 2014 14:29

Os días 28 de novembro e 01 de decembro, terán lugar en Verín as 'Xornadas de información académica e orientación para o emprego', organizadas polo IES García Barbón, coa colaboración do Concello de Verín e a AECT Eurocidade Chaves-Verín.


Estas xornadas, que se desenvolverán no propio centro educativo, teñen por obxecto identificar os pasos para crear unha empresa (casos de éxito ou fracaso), fomentar o espírito emprendedor, coñecer a oferta formativa das tres universidades galegas, comprender o papel dos organismo públicos relacionados co emprendemento, coñecer experiencias profesionais de empresarios/as e de antigos/as alumnos/as do centro e identificar os sectores máis importantes do tecido empresarial da comarca.

Na xornada do venres 28 de novembro, de 9.40 a 14.20 horas, terán lugar os relatorios de Gerardo Fernández Pousada (bicicletas de madeira Cyclowood), Juan Súarez Feijóo (Nattex descanso), Raquel Barreira (empresa de castañas Souto da Trabe), Laura Fraga (oferta da Universidade da Coruña), Iago Paredes e Darío Araújo (antigos alumnos de automoción e mantemento respectivamente). E xa o luns 01 de decembro, no mesmo horario, participarán Julia Morales (técnica de emprego do Concello de Verín), César Manuel Coelho (Bluetek Water), Alfredo Méndez, Julián Barrio Rúa (alumno de administrativo e antigo alumno de coidados auxiliares de enfermería), ademais das ofertas formativas da Universidade de Vigo e Universidade de Santiago, e orientación académica e laboral con internet dos departamentos de FOL e Orientación.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financieira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).