'Campus de Emprendemento Sostible' na Casa da Cultura de Verín Imprimir
Martes, 13 Xaneiro 2015 14:11

A Casa da Cultura de Verín acollerá o vindeiro 22 de xaneiro o 'Campus de Emprendemento Sostible', organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e coa colaboración cos concellos de Verín, Riós, Oímbra, Monterrei, Laza, Cualedro e Castrelo do Val, Antena Local de Verín da Cámara de Comercio e Industria de Ourense e Asociación Monteval.


Devandita iniciativa está destinada a desempregados/as, empresarios/as e técnicos/as da institucións locais, co obxecto de dar a coñecer unha forma de sensibilización e aprendizaxe sobre os negocios sostibles, que incorpora visitas a empresas. Unha forma práctica e directa de escoitar as historias contadas por persoas que un día decidiron ser empresarias, e na que se produce unha interacción entre persoas responsables de empresas sostibles na comarca de Verín e desempregados e técnicos/as de desenvolvemento local.

O programa do 'Campus de Emprendemento Sostible' iniciarase ás 09.30 horas coa recepción de asistentes e apertura da xornada, seguida da visita a Terras de Baronceli, Pecado de Outono e Biocoop, e clausura do campus. As tres empresas que visitarán os/as participantes son da comarca de Verín. No caso de Terra de Baronceli, trátase dun complexo gastronómico natural, tenda e fábrica de conservas situado no val de Monterrei. Mentres que a empresa Pecado de Outono é unha entidade formada por unha parella de produtores de froita ecolóxica que montaron unha pequena industria para deshidratar a castaña, co obxecto de fomentar o seu consumo e alargalo no tempo. E xa Biocoop SCG foi fundada no ano 1998 pola unión de once gandeiros de vacún (carne e leite) coa idea de orientar as súas explotacións a unidades produtivas respectuosas co medio ambiente, co benestar animal e coa saúde dos consumidores.

Este campus está enmarcado dentro do proxecto “Creando Redes”, realizado polo IGAPE, cos axentes de desenvolvemento local das comarcas de Valdeorras, Verín e Viana, para a formación específica en creación de redes empresariais en territorio e redes profesionais entre os/as técnicos/as participantes na experiencia. Todo coa finalidade de informar á poboación en situación de desemprego das actividades que responden as necesidades locais, co fin de fomentar a inserción no mercado laboral, ben por conta propia ou ben por conta allea, en particular no sector de aproveitamento agroalimentario.

As persoas interesadas en participar no 'Campus de Emprendemento Sostible' deberán inscribirse previamente nas dependencias das entidades colaboradoras, xa que as prazas son limitadas. En Verín, a inscrición debe formalizarse na oficina de Desenvolvemento Local, situada na planta baixa da casa consistorial da localidade.