Subvencións para o programa de promoción de emprego autónomo Imprimir
Venres, 25 Marzo 2011 13:39

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da seguinte convocatoria: Bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo.


Esta orde ten como obxecto promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais fomentando a creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada.

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos/as, sempre que:
- Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
- Se dean de de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Non percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
- Non desenvolvesen como traballadores ou traballadoras autónomos/as a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos/as en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a devandita situación de alta presupoña actividades nos tres meses inmediatamente anteriores.

Tamén poderán acceder á condición de persoas beneficiarias da subvención pola primeira contratación indefinida os traballadores ou traballadoras autónomos/as ou profesionais que realicen esta contratación durante o primeiro ano de actividade. Así como, devanditos/as traballadores/as autónomos/as formen parte de comunidades de bens ou sociedades de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 30 de setembro de 2011.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono  988-410000.